A idiosincrasia bélica do capitalismo: O factor económico

Autores | Andrés Piqueras |

Andrés Piqueras presenta un análise en profundidade do estado actual do capitalismo, identificando a sobreacumulación do capital como a súa enfermidade crónica e observando as súas implicacións. A idea principal xira arredor de como esta condición levou a multitude de problemas sociais, económicos e ecolóxicos culminando na escala militar e a violencia como medio de control dos recursos.

Mentres o capitalismo desenvolve as forzas produtivas, vai incrementando o uso de maquinaria, robotización e, agora, da intelixencia artificial, para substituír o traballo humano. Esta substitución aumenta a proporción de “traballo morto” respecto ao “traballo vivo” causando unha contradición fundamental que provoca a presente crise de redución da plusvalía para a cal ao capitalismo lle vai custando encontrar máis saídas.

A medida que a tecnología reduce o tempo necesario para producir mercadorías, o seu valor diminúe en consecuencia. O capitalismo responde producindo máis dos mesmos bens e expandindo continuamente os mercados para manter a rentabilidade. Sen embargo, este camiño é insostible, xa que os mercados e os recursos planetarios son finitos. A medida que os recursos se esgotan, os sectores dominantes do capital vólvense cada vez máis desesperados por controlar os recursos restantes, creando tensións crecentes no sistema económico mundial.

A rentabilidade decrecente conduce a un desprazamento do investimento productivo á especulación financeira. O capital ten unha tendencia a reverter á súa forma simple, como diñeiro, en lugar de investirse en produción ou traballo. Isto crea unha enorme burbulla de “capital ficticio” é dicir: accións, débeda pública, diñeiro bancario e derivados; que en realidade é débeda, e que unha boa parte dela está baseada na suposición dun hipotético valor futuro. Esta financeirización xerou un endebedamento xeneralizado que actualmente está arredor do 360% do PIB mundial, creando unha estrutura económica insostible que circula en gran medida a través dun diñeiro que en realidade non existe.

A medida que o poder económico diminúe, a violencia convértese na ferramenta restante para manter o dominio, o que fai que todas estas contradicións converxan cara á militarización e a guerra.